Profecía 2-II

Debes terme, pois, tristeza, entre os múltipes devotos
que procuran a túa efixie e aínda ornan o teu lar
posuídos polo afán de serche fieis e ser amantes
do que ti con lenta néboa fas visible.

Nas torres altas do palacio enxergo o voo da túa chegada,
o oferenda que as túas aves van deitando sobre os campos,
a canción desas alaudas que te levan e derraman
e coñezo o teu noivado,
o distinto protocolo das túas nupcias sobre a terra
cando erixen breves flores sotre os campos un sinal
que inaugura e que dá inicio.

Porque somos lentamente dous imperios en devacle,
porque aínda temos cálices enchidos con aroma
e álgún bálsamo navega os nosos brazos
ou por termos gorentado licor fúnebre na tarde,
perseguido o voo dun páxaro no lenzo do solpor
ou gañado o galardón da triste música en agosto
sobre as táboas corrompidas dalgún vello embarcadeiro.

Debes, logo, ver, tristeza,
se esta hora che é propicia,
que a arribada doutras naves nos convoca para a viaxe
e aínda o canto dos remeiros se esparexe sobre as augas.

Ninguén leva sobre os ombros tanta cinza coma nós
cando antigos nos viramos
e descemos a cabeza
para ollar como nos medran oliverias cada tarde
no lugar en que un día advertimos a neve e o soño.

Advertisements