Ariadna en Naxos

Despois de ter honrado o templo que as hortensias
Coroan cos seus ramos, coa fronda do seu voo;
De ter vertido as augas de aromas vexetais
Por riba destes mármores, por dentro desta sombra,
Camiño monte abaixo, co ímpeto do estío
E a aba dun outeiro permíteme enxergar
A longa, despaciosa, oceánica extensión
De agosto derrubando alpaca sobre os mares.

Non é máis ca un momento, o instante de poder
Apropiarme da néboa que a lonxe se ergue
E impregnar o interior coa cromática música
Dos azuis e dos brancos, dos verdes impregnados
Por acordes de sombra e harpexiadas umbrías.

E aí fico por sempre, detido nese punto
Da miña biografía.
Acaso nos lugares que Ariadna frecuentaba
Nas horas en que soubo de Zeus o fuxitivo
A tráxica traizón.

Advertisements