cirúrxica morfina

pousei a miña boca na palma das túas mans
e dixen dáme alento preciso de saber
que aínda sigo vivo que van os días novos
camiño dos estíos levando un voo de noites
de tardes consteladas que habían de murchar
pois todo murcha e deixa sabor de hortensia escura

e dixen cando vén que hora está marcada
que prazo teño agora e como se presenta
e ti como unha sombra deixáchesme pousado
nun leito que se erguía que daba para o mar
e viñas a sentir que a vida andaba lenta
que a morte debuxaba camiños de penumbra

leváronme daquela por longos corredores
por páxinas que lera por fíos que deixei
vertendo dun novelo de líquidos e sombra
e souben que eran días caendo para atrás
reloxos que soaban a pan de trigo verde
a ponte inacabada

e díxenme dicíndoche que noite máis estraña
que tarde se nos fixo que lonxe fica o mar
que lástima de cuartos de hotel ensanguentado
quen limpa tantas horas caídas por aquí
quen enche con lixivia os baldes e as cisternas

Advertisements