palabra

conta a lenda que unha tarde
Xavier o meu amigo Baixeras o poeta
subiu nun tren lixeiro camiño da cidade
das Burgas e chegou
a tempo de seguir
o fío de avenidas e de rúas
de prazas e almacéns de fontes e de sombras

e todo por buscar unha palabra

un único vocábulo
a voz máis solitaria que caiba recordar
un eco doutro eco
no escuro labirinto de espellos que devolven
imaxes das imaxes das imaxes das imaxes

e alí pasou uns días nun cuarto de aluguer
deitando o seu vagar no espazo da cidade
á espera de que o eco se achegase

suponse que a encontrou
suponse que foi hábil no esforzo dilixente

que a lenda como lenda é sempre debedora
dun pouso de verdade

Xavier e unha palabra
os dous a camiñar nas néboas que abre o signo
e o río a devolver a música e a noite

Advertisements