teoría do espazo

son poucos os espazos que pode atesourar
coa sombra debuxada do estraño peregrino
aquel que errante vive seguindo unha derrota
deixando atrás un val incerto na procura
de sombras e silencios no fondo da floresta

o grato é camiñar sentir o espazo mesmo
seguir sempre a distancia alén daquel alén
encheres a mirada co vivo cromatismo
das augas e das algas dos aires e das plantas
e non premer as teclas da noite no piano
nin ter da grave tuba un longo escuro eco

que todo son camiños non hai máis que distancias
non hai máis que percursos á espera dos teus pasos
e todo o que transportas cangado co fardel
dos anos que gañaches dos anos que perdeches
é pouso de tristezas o lastre de ter ido
de feiras en mercados de festa en romaría
levando as túas palabras e un vello traxe gris
igual que se levases o estoxo dos misterios

a caixa en que repousa o lume do vivir

o negro cadaleito da néboa da existencia

Advertisements