1789

Deitado entre os espolios do pazo clausurado
As pálpebras abrindo con medo ao novo día
O nobre a quen roubaron os títulos, a fama,
Espera a que a revolta culmine a súa vinganza.

Non sabe se será con forca ou guillotina,
Con bala ou con aceiro, de asfixia ou con veleno,
Mais sabe que está próxima a hora derradeira,
Aquela en que as semanas da vida se concentran
E dan a flor dos meses, dos anos derrubados,
Con pétalas de asombro e un tétrico vapor.

Por iso xa non preme a corda da campá
Que chama por criados, nin quere averiguar
A sorte dos que agora semellan xa moi lonxe
E só onte eran familia, parentes, achegados.

Coñece esta soidade. De feito sempre quixo
Poder gozala un día, morrer ollando a morte,
Sen vendas, veos ou panos, a vida por atrás,
Por diante ese baleiro,
O frío que un mencer de néboa xa esvaece.

Advertisements