O norte como olvido

Xa non lembro case nada. En realidade
Había algunhas naves máis ao lonxe
E, despois da liña gris que fumegaba nos outeiros
E os últimos pardais, o mar espreguizaba
Os músculos da tarde.
E iso era case nada.

Unha ponte que eu andei, errante ou viaxeiro,
Abatendo unha tristeza que descía no solpor
Para entrar, despois, no centro dos meus anos
E esvaírse cando o viño se erixía en plena noite;

Algún parque entretecido con guirnaldas;
O silencio portentoso que fai tremer a prata do Báltico.

E se entón me dispuxese sobre o alto dos acuarios
E entregase ao tempo ido algún aroma ou o frescor
Que chegaba do norte
Todo agora me sería máis recente.

Pero tiven que partir para outro olvido
E, por tras das lentas néboas e das chuvias,
Xa non fica case nada.

Advertisements