A sentencia do olvido

Logo á tarde mireinos chegar
arrincados dun vello salgueiro do olvido
coa soidade furando na fronte unha chaga amarela
e o seu corpo mancado de tantas derrotas;

eran serpes ou cervos, camiñantes do horror,
que voltaban da insigne miseria do tempo,
da gloriosa contenda cos séculos.

Preferiron deixarse gardar nun poema,
habitar para sempre este fío do enigma
e non ser coñecidos, só darse ao saber
dos que adentran o voo polos soños da cifra.

Enxergaron silentes o escuro xardín,
a materia do incendio que ferve nas plantas
moito antes de maio,
e pousaron as sombras da lúa caduca,
os soles funestos,
no centro da estancia,
como doa que acougue o terrible da espera.

Aqui están xunto a min, esperándome absortos,
convencidos de que algo direi que os renove,
un solemne refrán, a sentencia do olvido.

Advertisements