Os grandes fracasos

Era o tempo dos grandes fracasos,
unha chuvia lixeira poallaba nos campos
e un milleiro de breves regatos brincaba a cantar.

Viña outubro cuberto de silvas
e os ronseis do mar alto facían tremer
aos que viven durmidos na luz dos palacios.

A canción fora rota con vellos remorsos,
o silencio invadira a nostalxia do tempo
e unha nova cantiga quería brotar
desde a urdime do lenzo que tece a paisaxe.

E era aquela unha hora de escombros,

Foi entón que, na orixe de todo o que medra,
un desvelo de soños mancados chegou ata min
e impregnou os meus labios de púrpura.

Foi selando as feridas, coséndome as chagas,
arrincando dos ollos un veo neboento
e, pousando na lingua as súas cordas de agudo metal,
deume un páxaro gris,
unha pomba fuxida do incendio de antigas cidades.

E así ollei os escombros,
a terra queimada,
os grandes fracasos.

Advertisements