Terra calcinada

Ao fondo da distancia había unha pousada,
un pórtico entreaberto que daba para o mar
e enchía de reflexos un lago acaso branco.

Os últimos vencidos caían por alí
vertendo das súas bocas un líquido calado
e algúns portaban armas de lóbregas batallas,
sinais de que loitaran e foran derrotados.

E foi que eu quixen ver os rostros dos feridos,
sentir como a agonía gañaba nos seus ollos
as gándaras de neve que hai despois dos anos.

E fun de leito en leito vivindo aquel tremor,
prendendo entre os meus dedos o fío que ligaba
a seiva das súas árbores coa terra calcinada.

Advertisements