pomariño

dos camiños que permitan os teus deuses percorrer
pois ben sabes que hai espazos tan prohibidos como o sol
xamais deixes de explorar o que leva a unha distancia
nin moi lonxe da túa casa nin moi próxima de ti
en que alguén con sabia man foi plantando un pomariño

coas maceiras debuxou avenidas de penumbra
e dispuxo que os inxertos mesturasen cada árbore
coa veciña de maneira que ficasen sendo todas
unha única con moitos anchos troncos e raíces

se as visitas en setembro has poderte compracer
coa dozura dos seus froitos mais se pasas por abril
xa verás a marabilla da súa ilustre floración
o sublime dos seus ramos a estouparen xunto ao voo
dos paxaros fuxidíos

se precisas de curar algunha mágoa unha saudade
non esquezas o prodixio de durmir baixo esa sombra

non existe unha pousada unha clínica un hotel
que che doe tanto alivio nin te faga rexurdir
dese xeito en poucas horas

e has notar a melloría cando as deusas se te acheguen
amostrando a súa beleza

coa soberbia das mazás a asomarlles pola boca

Advertisements