seica

pode un libro ser tamén unha torre na distancia
unha altura que te afaste
que te deixe adormecer
sen o afogo dos bandidos
dos ineptos
da xentalla

pode un libro debuxarte como un faro escurecido
unha luz que non se ve
mesmo un lóstrego de cinza
toda páxina un disfrace
cada liña algunha máscara
e escribir só para ti o cultivo do silencio

oh celeste agricultor de leitugas como bocas

oh labrego a traballar cun arado o longo hiato

pode un libro esparexer as sementes calcinadas
e dar froitos consumidos
e dar febres no deserto
e dar leite envelenado
e dar borra
lixo
plástico

pode un libro ser tamén un solemne despropósito
un fracaso moi pensado
a desorde da linguaxe
o naufraxio do discurso
o disparo que dirixen inimigos contra ti
desde o fondo dos misterios da tristeza

Advertisements