intempestiva

chegarás como eu cheguei a sentir como derrota
esa luz que te aproxima os camiños e a distancia
a saber que o teu barqueiro hai xa tempo que te espera
impaciente pola hora a contar cada xornada
descontando o teu aforro das semanas que inda gardas
escribindo nun caderno os teus meses por vivir

oh que avaros se volveron os que outrora  te invitaban
a gastar o teu pecunio
a deixar dilapidada a fortuna da existencia
a subir a lenta idade como aquel que sobe a encosta
do destino ou da tristeza cobizoso por chegar

chegarás como eu cheguei a mirar esta derrota
como un voo que te libera
do infortunio
do silencio
e serás como eu xa son
camiñante cara ao templo do teu rito no solpor

e terás naquela altura esa luz de dignidade
que che ofrecen os absortos
os vencidos
os deitados polos pozos
a durmiren baixo incendios e tormentas

chegarás si chegarás como foi chegando todo
tal chegaron os teus ollos a pousar nesta mirada
tal chegaron os teus dedos a tocar a miña sombra
tal chegou o tempo mesmo

chegarás si chegarás

Advertisements