sombra

ao pousares a mirada sobre o lombo deste val
percorrendo casas pontes e nogueiras e carballos
podes ter a sensación de que o tempo está detido
de que hoxe este momento acontece hai vinte anos
a primeira vez que entraches no misterio e na tristeza
como un boi de andar pausado e filósofo en silencio

mais ti sabes que esta terra non se deixa posuír
e por iso está distante nas alturas inspirada
cobizosa como as aguias do seu voo sobre o planeta
e misántropa a fuxir dos humanos e o seu trato

esta terra que é de rocha e de augas e de vento
e de neves que se deitan polo inverno a descansar
derrotadas nun acougo misterioso

que esta terra é sabedora de que deus xa non existe
pois coñece como poucas o abandono

é por iso que hoxe chegas xa pasadas longas décadas
e repousas a cabeza sobre os leitos vexetais
e procuras xunto ao río souto ameno e fresca sombra
fatigado de ti mesmo
coa esperanza de esquecerte

Advertisements