cazadora

son os días que se asentan na fronteira con abril
unha lámina inclinada na que medra a duración
das tardes e dos lentos camiños no solpor

penses ti que vai chegando o vapor da primavera
sexa o inverno un alongado retábulo de nubes

deixes dentro dos roupeiros os abrigos e os chapeus
máis precises do seu grato acobillo na friaxe

mais son días que derruban unha luz de marzo antigo
que esparexen arrecendos das redomas máis recentes
e que secan a humidade sobre o mundo

as xornadas que o misterio nos envía
un anel que fecha o círculo de meses e estacións

neses días pode o corpo regresar á mocidade
debuxar unha ilusión da existencia que regresa
o fantasma de ser mozo
o cabalo en que cabalga xubilosa e estival
a alegría coas súas feras
cazadora deusa azul
polos bosques colectando cervos gamos xabaríns
e perdices pombas bravas
soidades

a alegría cos seus galgos cos seus pardos labradores
eses cans que teñen cinza e que lamben a tristeza

Advertisements