herdo

as xerras que hoxe enches de hortensias e silencio
deitando un voo de auga nos cólicos do mundo
son gratas para a ollada e acougan a canseira
e deixan que entre o azul os ocres e o vermello
floreza esa emoción da branca porcelana

son xerras esquecidas que acaso adormecían
no fondo dun roupeiro nalgún caixón fechado
e levan ese pouso do tempo sobre a pel
que teñen as bandexas os pratos as sopeiras
que herdamos cando o século virou

alégrome de velas de darlles outra vida
de ter perante min a luz da súa presenza
o froito dun esmero distante unha epopea
de mans que se afanaron na arxila e no traballo

pois pode que na sombra que deitan sobre as mesas
na límpida penumbra que foxe da calor
persistan vellos ecos das voces que quixemos
as voces que se foron deixándonos hortensias
e a escura murchedade da morte polo inverno

Advertisements