o libro

do corpo que se afunde nalgún naufraxio vello
seguindo o rumbo escuro dos barcos
a caer
nos leitos abisais
nas covas da tristeza
emerxe algunha vez
a xeito de bandeira
o libro que non foi escrito aínda
o incógnito volume que todos procuramos
reler
porque intuímos
que un día xa foi noso
estivo entre estas mans
durmiu baixo estes ollos
feliz de que alguén fose as liñas percorrendo
acaso como o amante
que doce deambula
coa xema dos seus dedos as costas do silencio

mais nunca foi escrito
non consta que existise
rexistro que non gardan andeis ou bibliotecas

imprensas linotipias axentes e editores
procuran o seu rastro
perseguen a súa sombra
difunden a noticia
a sede por topalo

convócanse concursos
concédense brasóns
e premios grandes bolsas en linguas e provincias

e o libro non asoma

feliz segue a durmir
no rapto en que o deteñen a falta e o desexo

Advertisements