luz

da luz que deita agora
o sol sobre a cidade envolta nun lixeiro sopor de mañanciña
erguendo bafos leves na pedra e nos tellados
admiro os moi distantes motores que se escoitan rotar sobre a distancia
as rodas siderais que viran empurrando o lento sol de marzo
e pousa nesta man
a mesma que che escribe sentada a contemplar a praza da Quintana
a tépeda quentura de ir deixando atrás a sombra doutro inverno

non é das luces bravas
que axitan na retina o inferno ou o delirio da cega fotofobia
tampouco aquela cálida
que dabas en prender nos cuartos en que formos deitando os nosos corpos ao longo da incesante viaxe destes anos

senón ese claror acaso da alegría
materia que mestura o azul tamén o branco
dispondo na paleta vivaces cromatismos igual que se pintase un cadro impresionista

a luz como un foguete que fose transportarnos alén das varias sombras
a sombra en que navego no espazo do interior
aquela que proxecto na terra como un grave silencio ou un misterio
e aínda aqueloutra tan negra que se torna

afogo abafamento baleiro desmesura

Advertisements