estación marítima

chegaban polas tardes os barcos de regreso
as quendas dos obreiros que foran traballar a terras da distancia
felices de volver fumando sobre a popa
sentindo como a noite furaba nos seus corpos un día da semana

eu era dos que andaban coa ollada no horizonte
un máis dos que deixaban pasar o tempo alí seguindo o voo das augas
a chuvia de paxaros

que luxo esparexer os meses daquel tempo
o mesmo que se deitan espiñas para os gatos
o mesmo que ofrecemos meixelas para os bicos

non viñan consumidos vestían a discreta insomne perfección
do gris do azul mariño
levaban as bufandas tapando algún silencio
e abrían unha lenta solemne procesión de cinco ou seis minutos

depois todo volvía a ter esa humidade que soñan os invernos
os meses que viaxan verán e primavera
escura e portuaria digo esa humidade
que prende pola pel o mesmo que se prenden as culpas os pecados
a dor pola derrota

chegaban os obreiros que foran á distancia
fumando polas tardes un día da semana

Advertisements