estación marítima

chegaban polas tardes os barcos de regreso
as quendas dos obreiros que foran traballar a terras da distancia
felices de volver fumando sobre a popa
sentindo como a noite furaba nos seus corpos un día da semana

eu era dos que andaban coa ollada no horizonte
un máis dos que deixaban pasar o tempo alí seguindo o voo das augas
a chuvia de paxaros

que luxo esparexer os meses daquel tempo
o mesmo que se deitan espiñas para os gatos
o mesmo que ofrecemos meixelas para os bicos

non viñan consumidos vestían a discreta insomne perfección
do gris do azul mariño
levaban as bufandas tapando algún silencio
e abrían unha lenta solemne procesión de cinco ou seis minutos

depois todo volvía a ter esa humidade que soñan os invernos
os meses que viaxan verán e primavera
escura e portuaria digo esa humidade
que prende pola pel o mesmo que se prenden as culpas os pecados
a dor pola derrota

chegaban os obreiros que foran á distancia
fumando polas tardes un día da semana

Advertisements

luz de sombra

as noites que durou a lava dunha flor as bágoas que vertemos
querendo que vivise restarlle algunhas horas ao voo da murchedade
ficaron na memoria gravaron o seu voo
o mesmo que alguén grava con ferro de cincel
un signo sobre a pedra

as noites que levaban torrentes de preguiza no corpo dos amantes
facían emerxer dos cálices o viño secreto do silencio
tesouro ben calado que dorme sobre as horas e acouga no misterio
un líquido que arde

por elas fomos dando traspés mentres vivimos
por elas derrubamos o corpo sobre os pozos
por elas a materia carnal arrefeceu
e foi ficando xeo un vidro con mercurio

sen elas non soubemos que rumbos procurar
as cartas que puidesen guiar a singradura
o límite que impor ao voo sobre a memoria

as noites xa esquecidas agora aniquiladas
na caixa das materias incertas que un non sabe
deitar no esquecemento tiralas para o lixo
acaso rescatalas da sombra e do misterio
brillar de novo agora coa luz que esparexeron