o tempora, o mores

tamén na miña idade erguéronse palacios
que logo foron pasto da néboa e da ruína
tamén naqueles tempos medraron vaidades
e houbo mil afrentas escándalos orgullos
fixéronse poemas por sempre inesquecibles
que xa ninguén recorda pintáronse materias
de cores refulxentes que agora están de saldo
e vin pasar desfiles de deusas e de heroes
que axiña foron carne da derrota
fantasmas desolados que a noite arrebatou
oh tempos xa perdidos idades que voaron
tal xílgaros inzados de cores e de canto
oh hábitos ociosos costumes esquecidos
qué cedo veu a tarde qué rápido o solpor
veloces foron indo os meses as semanas
disparos foron días e lóstregos as horas
e nada do que outrora brillara como o ouro
gardou ese fulgor mantivo a refulxencia
que todo foi camiño da foz e do sepulcro
o mesmo que os regatos escuros precipitan
o voo no mar da morte labercas de auga doce
que afunden entre o sal de inmensos oceanos
tamén na miña idade erguéronse belezas
que logo foron cinza do cancro e do delirio
oh deusas que eu amei fugaz por entre as sombras
oh torres de poetas que o século abrasou
escuros refugallos de cal e esquecemento

Advertisements