Diante dunha foto

A pausa que precisa a nobre artesanía,
o pouso de semanas á espera do detalle,
o fondo pensamento que rexe sobre a man,
a pauta que amañece de noite xunto ao insomnio,
están nese retrato, no gris desa instantánea.

Non foi un gran pintor quen puxo a súa mirada
no fondo ou nos enfoques, na luz ou no contraste,
senón que foi o dedo premendo sobre a máquina
de xeito irresponsable, acaso procurando
obter outra ficción. Que Azar brilla por veces
na arte fotográfica.

De feito, como a vida, que sempre nos supera
e dá en ofrecernos mensaxes tan complexas
que longos son os días, as décadas, os meses
precisos para obter acaso algún delirio,
tamén na maquinaria impuxo o seu imperio
Azar, o vagabundo, o sabio que anda errante,
aquel que rexe a terra sen lei e sen afecto
e reina sobre as formas e a arte das imaxes.

Es ti, por tanto, o amante dos signos da retina,
aquel que fai constar presenza de beleza,
aquel que se arrebata ao ver como se funden
a insólita visión da máquina nun intre
e a longa, coidadosa, mirada que pousaches
acaso por preguiza, desleixo ou abandono.

Advertisements