Miraxe

Como o barco que chega a unha illa do olvido
E xa olla entre a néboa os contornos da praia,
O sinal que as gaivotas deitaron na pel das areas,
Así eu cando incendio o solpor dun poema
E executo a pautada fragancia dun eco da alma.

Sobre o lombo da egua preñada da tarde
Baixa envolto en hortensias o deus que negamos
E xa habita a distancia esa pólvora antiga
Que desprenden as cores e a luz do milagre.

“Grato sexas”, proclamo, “meu señor da tristeza,
meu escravo infeliz desta inútil batalla”.

E só a noite contesta abatendo no escuro
O meu corpo ferido de estrelas.

“Nobre sexas”, insisto, “meu doente divino,
camiñante dos ecos do espazo”.

Mais non oe, non devolve
Outro eco que a inmensa soidade.

Advertisements