Carta de viños: Muscadet

Non sei de que están feitas as uvas, de que lúa
provén esa dozura que deitan polos labios
no instante de perder a vida, ese clamor
rotundo dos seus corpos como esferas.

Tamén son ignorante das vellas variedades,
aquelas que bebían nos ágapes de Baco
as deusas, as escravas, os bardos de occidente.

Mais poucos son os viños que puiden derrubar
na alma como un río de froitas e silencio.

E menos, entre estes, aqueles que sentín
perderse pola lingua nun hálito de música,
o mesmo que se a noite solemne me espertase
e andase coas súas lámpadas furando a escuridade.

E, acaso, deses poucos, ocupa o sobranceiro
lugar aquel tan cálido, espeso, esvaecido,
que alguén nos regalou chegando a Montlouis.

Catar aquel xarope oh fíxonos oír
as augas preguiceiras do Loira cara a Nantes.

Advertisements