Carta de viños: Medoc

Dos pousos que deixaron os viños que bebín,
aqueles gorentados no inverno na distancia
ou eses que soñaban a luz do sol de Grecia,
ningún máis acabado, máis limpo no padal,
que aquel co que brindamos nas terras do Medoc.

Se agosto estaba cheo de feiras e de festas,
o día derrubando no cénit do seu brillo,
ti andabas concluíndo a vella ladaíña,
roendo unha mazá de soños, a laranxa
que a tarde derramara no rumbo cara a Francia.

Non foron ebriedades de viño o que sentín
senón unha lixeira fatiga, un arrebato,
un círculo fechado, vertixe polas mans,
estrelas que distantes deixaban a calor
da luz do mediodía no peito transpirando.

Así que non xurei, non dixen. O silencio
abriu como unha carta o voo da eternidade.

Advertisements