Insólitos monólogos: Adrián Solovio a Marlene Dietrich, Berlín, 1930

Os días que me queden aínda por vivir,
os meses ou os anos que deba de agardar
cargando a doce mole do peso da existencia,
quixera eu derramalos á beira da túa luz,
sentindo o voo melódico da música a zunir
o mesmo que unha abella en prado delicioso.

É luxo que me impoño, exceso innecesario,
acaso un arrebato, un rapto de desexo.
Mais nunca fun alleo de Venus aos caprichos
e sempre fiel seguín o curso dos seus pasos.

Dirán que andei perdido, que errei a miña vida,
que torpe me adentrei en selva pedregosa,
que inxel dilapidei fortuna e existencia.

Mais esas son as regras do xogo da ruleta:
ou gañas e consegues imperios e facendas
ou perdes e arruínas a casa e o negocio.

Arríscome a gastar o resto dos meus anos
seguindo a longa estrada camiño dunha feira,
camiño dunha festa en noites de verbena,
camiño de teatros no inverno máis fecundo.

Arríscome a volver de novo nun cruceiro,
andar de porta en porta pedindo algunha esmola,
seguir desde unha aldea o rumbo cara a outra,
feliz como os moinantes, os pobres, os saudosos.

Non outros os destinos que sempre desexei:
un voo de ave lixeira na tarde polos campos.

Advertisements

Enigma

As flores que dá Enigma son sempre deliciosas.

Ignotas ata o día de velas florecer,
os talos que as sosteñen e os ventos que as abanan
son forzas que litigan, que buscan a victoria,
o mesmo dá que sexan magníficas, vermellas
ou tristres e ruíns morando polos prados.

Enigma sempre ensina algunha na lapela,
ningún dos atavíos que soe presentar
carece dese toque distinto de elegancia,
refuga esa presenza cromática de flor.

Por iso anima Enigma a luz polos camiños,
as brétemas e as chuvias lixeiras como o orballo,
o longo atardecer de sol case amarelo,
prendido polas froitas das árbores floridas.

Enigma, o melodista de arcano canto escuro,
aquel que derrrubaba a voz contra as adegas
ou viña con sombreiros tapando todo o rostro,
feliz compositor de limpas partituras,
sen mobles a súa casa, sen cama onde durmir.

Enigma, o vagabundo, o músico falaz,
que toca con sordina cancións do esquecemento.
Enigma, ese que morre e, ao pouco, resucita.
Enigma, o que se perde nos cruces dos camiños
e vai deixando fitos de pedra polos campos
e pedras esculpidas con fondos xeroglíficos.

Enigma, ese bandido, discípulo do Tempo.