Virá de novo o inverno

Virá de novo o inverno. Non este que se vai,
tampouco aquel furtivo que houbo de matarte,
nin ese que chegou
e foi certeiro en busca do centro do teu peito,
senón outro distinto, mais lento, cobizoso,
constante non seu voo de astros e cometas.

Ben vexo como vai o espazo pervagando,
as curvas da materia, os ecos da tristeza
puíndo coa súa luz, xigante, milenario.

O mesmo que os viaxeiros agardan polo andén
a exacta comitiva de máquinas, vagóns,
que empurre os corpos cansos camiño da distancia…

O mesmo que as ribeiras espreitan a chegada
das augas que o torrente dispara por novembro…

O mesmo que a maceira cobiza en floración
o peso do pardal, o vento da laberca…

así dispoño a ollada no fondo do horizonte.

Tranquilo, sen temor, acaso como alguén
sedento dun licor ben raro e delicioso.

Advertisements

Vanitas vanitatis

Advirto como os pobres, mundanos triunfadores
Que asinan as súas obras nas feiras da vaidade
E séntense por dentro campeóns irresistibles,
Lucrándose de néboa e efixies tormentosas,
Divagan sobre o mundo sen tempo de pensar
Na longa ruína, na extensa devacle.

Enganan a soidade con cánticos e odas
E arrincan longos vítores, encomios, ovacións,
Supostos beneplácitos de turbas abraiadas.

Mais ti, vello país, feneces derrubado,
Coa hedra medrando no alto das vellas murallas.

Que nunca a sabia grei daqueles que veneran
O canto e as súas ramas de árbore frondosa
Permita que o meu verso acougue entre ese pasto
Pois todo canto dixen foi dito para o vento
E é nel onde residen o prezo e a valía
Das miñas cantinelas.

Así que mercaderes, tratantes, maioristas,
Diserten doutra cousa.

Se non, que saiban certo que un día ha de chegar
En que anxos de cinza erixan a espada
E todo o que é proveito, produto, dividendo,
Se torne escoria, po, despoxos e borralla.

Ah inspirados pedagogos, preceptores, eruditos,
Expertos e instruídos, sapientes e letrados,
Que pouco superávit, que mala comisión,
Que escasos estipendios.

Se un día alguén falar contando a miña historia
Coñeza previamente a luz deste poema,
A seiva que circula no talo desta flor
E o sangue que percorre a fábrica do engano,
Un ton de melodía quebrada, xa sabida,
Un lento sopor que me afasta do norte.