Biografía

Ese vello señor foi todo un cabaleiro.
Atrás deixou os anos que a vida lle entregou
Enchidos de reloxos, de fontes, de xardíns.
Tamén de matrimonios, de lúas e adulterios.

O azar que na ruleta se amostra estaba exento
De enigmas para el. E amou a antiga arte,
As pontes de París, os líricos retratos
De damas da nobreza. E nunca rexeitou
Os lenzos de Chagall, o viño ou o caviar,
A música de Brahms.

Comprou un vello pazo e encheuno de criaturas,
Mordomos e criadas, lacaios e parentes,
E alí se compracía movendo o seu bastón
Ao tempo que contaba con moita lentitude
A historia de Galicia, citaba trobadores,
Ou mesmo xa escusaba de vez algún escándalo.

De noite, no recanto máis íntimo do cuarto,
Despía unha boneca, bebía algún licor
Prohibido polos médicos e dábase a praceres
Ilícitos, estraños, con roupas de muller.

Un día en que a outonía se erguía para darlle
Ao mundo o seu galano de escombros e ruína
Sentiu como no peito se abría unha cisterna
De flores e de sangue. Morreu tamén sublime.

Os fillos cando, herdeiros, sentaron a saber
Cal fora a, de certo, vontade derradeira
E abriron os papeis daquilo que, en principio,
Debía ser legado, cesión, dote, encomenda,
Tan só puideron ler
Un libro de poemas.

Advertisements