Biografía

Ese vello señor foi todo un cabaleiro.
Atrás deixou os anos que a vida lle entregou
Enchidos de reloxos, de fontes, de xardíns.
Tamén de matrimonios, de lúas e adulterios.

O azar que na ruleta se amostra estaba exento
De enigmas para el. E amou a antiga arte,
As pontes de París, os líricos retratos
De damas da nobreza. E nunca rexeitou
Os lenzos de Chagall, o viño ou o caviar,
A música de Brahms.

Comprou un vello pazo e encheuno de criaturas,
Mordomos e criadas, lacaios e parentes,
E alí se compracía movendo o seu bastón
Ao tempo que contaba con moita lentitude
A historia de Galicia, citaba trobadores,
Ou mesmo xa escusaba de vez algún escándalo.

De noite, no recanto máis íntimo do cuarto,
Despía unha boneca, bebía algún licor
Prohibido polos médicos e dábase a praceres
Ilícitos, estraños, con roupas de muller.

Un día en que a outonía se erguía para darlle
Ao mundo o seu galano de escombros e ruína
Sentiu como no peito se abría unha cisterna
De flores e de sangue. Morreu tamén sublime.

Os fillos cando, herdeiros, sentaron a saber
Cal fora a, de certo, vontade derradeira
E abriron os papeis daquilo que, en principio,
Debía ser legado, cesión, dote, encomenda,
Tan só puideron ler
Un libro de poemas.

Advertisements

Preguizas 7

Como sempre que soño unha casa na praia,
Un vapor de cancións silenciosas deitando o seu fume na tarde,
Ou camiño encuberto na fraga dos días
A queimar a madeira de abril nalgún claro do outono,
Como un vello devoto que acende candeas á tarde,
Recoñezo a túa sombra nas liñas do corpo,
Fago cálculos longos no rumbo dos anos
E unha néboa de vellas lembranzas me ensume a mirada
Ata darme a expresión do que dorme cansado.

Foi tan alta a soidade de ter que vivir
Derrubado na lama das horas
Que encontrei a maneira de abrir as estancias do tempo
E asignarlle á memoria un faiado con lirios caducos.

E foi tan baixa a materia que herdei da túa pel,
Ensumindo un deseño da vida disperso ou errante,
Que inda agora manexo coitelos,
Deito en min os aceiros máis fríos das albas
E camiño aqueixado por falsas doenzas.

Mais, foi útil perder todo aquilo que amamos,
Escoitar a canción da túa ausencia querendo cinxir
Unha corda anoada arredor do pescozo,
Esquecer nunha illa do olvido as túas últimas fotos
E arrincarlle ás entrañas do tempo un apéndice triste,
Para logo perder a batalla do mundo
E ficar residindo tan só
Sobre a luz desta páxina?