Meditación sobre as árbores

As árbores que somos por veces facilitan
O curso dos paxaros celestes do destino
E sonlle gratas fondas, hostais onde acollerse
No rumbo da súa incerta travesía.

Por iso solitarias, gregarias ou espidas,
Sen follas ou ramaxe, as árbores sabemos
Tratar os visitantes, dispor a súa hospedaxe
De xeito que se sintan contentos, satisfeitos,
A casa vexetal, máis alta do que a terra.

As árbores caídas acollen menos aves
E son nobre despoxo de inmundas alimarias.

Así que, derrubada a altiva laranxeira
Que foi a miña vida, agora o campo está
Máis orfo sen a forma rotunda das súas polas,
A herba non ten sombra e xa ninguén accede
Aos froitos saborosos orlados de xiada
Que o vento lle arrincaba algunha noite.

Oh aves que vagades os aires de setembro
Deixádeme sentir por vez xa derradeira
O tacto dese súbito, celeste planear
Deténdose nun intre, o voo sobre a madeira.

Advertisements