Exortación ás ameixeiras

Benvindas, oh ameixeiras, floridas no final
Dun xélido febreiro. Eu son o que cantou
Idénticos excesos nun ano xa perdido
En prístinas calendas. Daquela índa cría
Poderme contaxiar coa lírica doenza
Da vosa prateada, celeste floración.

Mais hoxe estou ferido, despois dun longo inverno
E todo o que vos diga debédelo ubicar
Nos ánimos mordaces daqueles que desexan
Voltar de novo á vida, ser nenos outravolta,
Agora que afectados da idade no fluír
Sabemos certamente que algún deses vindeiros
E próximos invernos será longa viaxe
Sen meta e sen regreso.

Advertisements

Meditación sobre as árbores

As árbores que somos por veces facilitan
O curso dos paxaros celestes do destino
E sonlle gratas fondas, hostais onde acollerse
No rumbo da súa incerta travesía.

Por iso solitarias, gregarias ou espidas,
Sen follas ou ramaxe, as árbores sabemos
Tratar os visitantes, dispor a súa hospedaxe
De xeito que se sintan contentos, satisfeitos,
A casa vexetal, máis alta do que a terra.

As árbores caídas acollen menos aves
E son nobre despoxo de inmundas alimarias.

Así que, derrubada a altiva laranxeira
Que foi a miña vida, agora o campo está
Máis orfo sen a forma rotunda das súas polas,
A herba non ten sombra e xa ninguén accede
Aos froitos saborosos orlados de xiada
Que o vento lle arrincaba algunha noite.

Oh aves que vagades os aires de setembro
Deixádeme sentir por vez xa derradeira
O tacto dese súbito, celeste planear
Deténdose nun intre, o voo sobre a madeira.