Eu, que sempre quixen ter morada no Parnaso

Eu, que sempre quixen ter morada no Parnaso
e asistir aos concertos vocais dos poetas antigos
para ollar como limpaban as feridas das súas linguas
e arrincaban o voo dunha flor ás súas chagas de anos,
sentei a descansar no medio do camiño
e só ollei os outeiros ao lonxe.

Preferín ficar ollando os camiñantes,
o val verde,
os cabaleiros,
as padiolas de cinza que vía pasar
dando conta do naufraxio.

E ollei a xente que agardaba na antesala dos quirófanos,
perdida no interior da súa devacle,
apalpándose os sinais de ignoradas doenzas,
como escravos que soñasen coa chegada dalgún barco
entre gritos de mulleres e ambulancias.

Viñan sempre dalgún río
coas familias ensumidas nos seus panos de quebranto
preguntándose por que
e, despois de coñecer que aquel fluído se detiña,
desfacían os seus rostros co trazado dunha bágoa,
antepuñan á poesía as pregarias do olvido
e, virándose na néboa, entre o arrecendo de lexivia,
espreitaban os cadáveres,
fragmentos do seu tempo que se foran derrubando
para abrirlles un crepúsculo nas bocas
que xa nunca calaban.

Debo ser dos que descían para ollalos chorar
cada tarde entre os sonidos do inverno
coa carreta das mortallas a través do corredor.

 

 

 

Advertisements