UN DANDY DE VERDADE TEN SEMPRE QUE PERDER

Un dandy de verdade ten sempre que perder.
Así que o cinerario dispuxo dos seus días
E foi de escoria en pó, de restos en detritos,
Sentindo que a borralla formaba a súa paisaxe.

Os grandes desperdicios, os sublimes despoxos,
Ornaron a súa efixie con torres calcinadas
E ergueu estatuas grises, velados promontorios,
No alto dos outeiros de tanta expoliación.

Non quixo os ouropeis do triunfo nin a prata,
loureiros de conquista, coroas para o honor.
Só un voo de luz de abril filtrándose na tarde,
O ascenso da soidade nalgún tremor do mar.

A liña dunha nádega perdéndose entre as ondas
Foi toda a recompensa, a íntima conquista,
O soño que amostraba o encomio da victoria,
O premio de ser libre, a gloria de vivir.

E así baixou un día, xa ebrio de tal sombra,
A encher coa súa indixencia aquela pel de mar,
E, náufrago, morou nos lenzos da fragata,
Inerme e solitario, expósito, feliz.

Advertisements