ASÍ COMO NA NÉBOA O MUNDO SE ESVAECE

Así como na néboa o mundo se esvaece
E torna espectros graves as nítidas imaxes
E sombras e quimeras, trasgos e espantallos
Rubrican documentos de obtusa realidade,

Así neste poema se tinxe a túa memoria
De sombra, turbulencia, crepúsculo na tarde,
Tecendo a lenta urdime, trenzando a torpe malla
Do olvido e da omisión, da perda e da soidade.

Pois todo o que se lembra, vivido ou ensoñado,
Vapores de negrura culmina para darlle,
A aquel que un día estivo, un óbolo de ausencia,
Solpores vespertinos, eclipse, opacidade.

Que todo canto fomos xa é bruma ou abandono,
Desterro, expatriación, ronsel dunha viaxe
Camiño de ningures, azar sen máis fortuna
Que o fado refulxente na luz da escuridade.

Oh, tempo, lento boi, arando na paisaxe
Ruínas e lembranzas, embargos e desastres.

Advertisements