Illa das rosas negras

 

 

 

 

 

Ti querías que eu morase na illa das rosas negras
E o veleiro que afundira por seguirte
Amostraba a súa madeira
Apodrecida
Farta do descanso.

A praia estaba inzada de mulleres.
As súas bocas de enxamios silvestres
Petaban nos meus soños. E era triste
Deambular nos pesadelos das súas linguas de febre,
Ver virar a nova onda por enriba do navío
E adquirir a prateada virtude dos seus sexos
Como unha pérola cuberta
De inspiración.

Entón fechei a boca e souben que alí había
Resquicios de leños queimados noutros naufraxios
E cadáveres de velas, destemidos capitáns
A morreren coas súas naves na tormenta…

 

Gañara unha medalla no centro do meu peito.
E un barco que sulcaba os mares polo inverno
E entraba nas baías, nos portos do silencio,
Levoume, viaxeiro, ao límite do incendio.

As piras aínda ardían, choraban os salgueiros,
E a xente camiñaba do brazo do misterio,
Celeste na súa busca dalgún sendeiro vello,
E souben que non era aquel o meu inferno.

Así que fun ollando o longo cemiterio,
As casas derrubadas, calcinados outeiros,
E puxen na mirada daquel alto momento
Un lóstrego de cinza, olleiras de desvelo.

Advertisements