DE TODO CANTO POIDA GARDAR DESTE TRAXECTO

alt

De todo canto poida gardar deste traxecto,
Retratos, planos, cartas, epístolas, roteiros,
Ou búxolas, compases, bitácoras, trebellos,
Dareiche en gratitude tributos de silencio,

Dispendios de orfandade, abonos de desterro,
E ondas que arrincaron dalgún antigo vento
Despoxos de naufraxios, tempestades de inverno.
Que non leva equipaxe o vello viaxeiro.

Que se algo en min pervive dos cruzados desertos
Será esa luz de olvido, o desamparo eterno,
Mais nunca o verde oasis, xamais o limpo espello

Das augas encontradas, dos torrentes secretos.
Que nisto está a beleza do tránsito, do éxodo:
Na néboa desa gándara inmensa do baleiro.

Advertisements