Vindicación dos prados

O prado se está cheo de brancas margaridas,
de efémeras papoulas, de herbas como esponxas
que poden acougar o corpo na súa longa
batalla contra o tempo, convértese de súpeto
en punto delicioso, lugar onde render
as armas do incesante, errático, fugaz,
e ser a forma exacta do idilio, dunha Arcadia
feliz con raparigas e nenos a brincar,
o sol esparexendo un raio amarelento.

O prado, se te deixa durmir en sombra amena
e o mes de primavera solícito te afaga,
semella un paraíso, lugar da eternidade,
o espazo no que podes optar por un diálogo
coas flores, coas laranxas, cos froitos das maceiras,
fechar os ollos digno de ter o merecido
descanso e reparar as graves avarías,
as longas continxencias. O prado, se entre as deusas
que asoman a soñar existe algunha triste
que quiera esparexer o tacto da súa man
por riba do teu lombo, tamén pode ser tálamo,
un leito onde entregar a vida entre paxaros
e cervos e xaropes.

O prado está, por tanto, no fondo dos teus soños.

Xamais por el asistas a festa ignominiosa
nin quebres da súa lei o escuro mandamento.

Advertisements