Pomba

Turtle dove de Robert Deyber

Mil grazas quero darlle á pomba da tristeza
por virme saudar de súpeto nun parque.

Eu ía tan tranquilo seguindo coa mirada
a forma que debuxan as árbores na sombra
e entón ela chegou voando tan lixeira
que eu díxenme: de certo, non é máis que unha pomba.

Mais souben deseguida que era ave de aflición.

Así que proseguín feliz o meu camiño
sen tempo de determe sequera a responder.

Pensei dicirlle: ola, que ben que te achegases,
celebro verte aquí, calquera outro cumprido
dos moitos que atesouran os modos e maneiras
da boa educación. Mais fun covarde. Seino.
Non tiña o corpo en forma. Durmira mal de noite.

Por iso agora podo falar desta experiencia,
lembrar o acontecido sen medo de caer,
sen medo de arrincarme as vísceras chorando.

Advertisements