Danza

Shoji Ueda 'Composition' (1937)

Das moitas melodías que os corpos interpretan,
fugaces labirintos de carne ou de cristal,
a danza está composta de brillos e de espellos,
estrañas metonimias do mundo e do devir.

Por ela pode un corpo fundarse na ledicia,
torcerse nun afago de ventos, regresar
con aves dun inverno, fuxir cara a unha illa,
sen tempo de escoitar a música ou saber
se chove ou veñen barcos cargados con hortensias.

A danza está nas aves durmidas ou no vento,
no río que nun punto solemne precipita
as augas e adormece nas pedras como un voo
insonme que ficase ás ondas entregado.

A danza das estátuas inermes do verán
que dorme amortecido nos corpos sobre a praia.
Estatuas que se achegan ao mar para durmir
e van deitando cunchas na rochas entre as algas.

Deteño agora a ollada nun corpo que se perde.

Os corpos como as aves son sempre unha canción,
un son que se esparexe, un vento que se abre
e arrinca entre as materias vermellas o crepúsculo.

Por iso os corpos poden fuxir ou desfacerse.

Ninguén posúe nunca sequera o propio corpo.

Oh danza, evocación da incerta propiedade.

Advertisements