Tristes

alt

Ninguén che ha de roubar xamais a túa tristeza.
Deféndea como propia. O último castelo.
Bandeira e baluarte erguidos na derrota.

Ninguén ha de querer entrar nesa cidade,
tomar eses outeiros, por riba das murallas
impor o seu brasón, no cimo dos tellados
os lábaros arriar, o viño ou as laranxas
levar como lembranza.

Por sorte para ti estás ben amparado.

A sorte de andar triste radica na soidade.

Non é pouco proveito en tempos de mudanza.
Non é mala colleita en anos de ruína.

Se alguén quere levarcha non teñas máis reparo.
Regálalla, concede o ben que tanto aprezas.

Ten conta, en todo caso, do rostro que che mostra.

A Morte moitas veces emprega algún disfraz.

Advertisements