a nena da flor de música

alt

Partira eu dos lugares que chaman Dinamarca nun verán de cinza báltica e antiga, devastado pola ansia de adentrarme nos máis nórdicos asentos e contemplar na súa brancura a noite diminuta, o día que non morre.

As ánforas de arxila que gardan o solpor quebráranse vertendo máis cinza que silencio e aquel que outrora eu fun, errante ou viaxeiro, comezara a furar no interior das súas criptas, inclinado ante a beleza dos lugares, cavilando na nostalxia de ter sido como as horas, preguizoso e fluvial, fuxidío, silente.

E foi entón cando eu ollei a nena da flor de música.

E díxenlle:

“Ti has ser a raiña das fadas dos lagos de Irlanda”.

E ela díxome:

“Só pertenzo á comitiva das que van en auxilio dos bardos doentes ou dos homes que fican feridos nun voo de melodías. Nada levo comigo que poida curar a túa estraña nostalxia mais hei contemplar longamente o debuxo que forma a túa boca ao falar e, no fondo do tempo, serei fiel e distinta”.

E díxenlle:

“Eu son a inminencia do crepúsculo
e ti un espertar de paxaros silvestres”.

Advertisements