Monólogos Chopin 3

Achega nese vidro que ergan as túas mans
En brinde de agasallo ao tempo misterioso
Un voo de viño azul, escuro até o vermello,
Sabor de arxila vella e vides baixo o sol.

Serán os novos xeitos que teña o firmamento
De entrar coas súas fogueiras no límite dos ríos
A impor un lume escuro de áncoras nas augas
Acaso esparexendo un sangue vexetal,
Ou pedras diluídas en prantos milenarios.

Despois regresa ao leito e dorme compracida
Por ter amoreado nos labios, polos brazos,
Un voo de beixos cálidos, sonoras percusións
Das bocas contra a carne.

E pousa entre os misterios dos soños a ferver
Azucres que verteron as linguas con paixón
E restos de tristeza nas beiras derrubada.

Pois todo pasa e muda e nada ha de manter
Os mesmos alicerces, idénticos cimentos,
Prepara a túa bagaxe, feliz, para ese día
Do inicio do mar e o camiño nas augas
Á procura das illas dos mortos no ocaso.

E cesen bagatelas, os fáciles presentes
Que honran a túa estancia, os cuartos en que vives,
Cargada de atavíos, de roupas infrecuentes
E tintes para os ollos, e máscaras, disfraces.

E deita o corpo espido sen nada que o separe
Dos aires que han levarnos ao indómito fracaso.

Advertisements