Cartas a Rainer María Rilke 2

Non deas nunca creto aos que che digan:
“Deita a harpa no cantil pois Deus morreu e está esgotado
o fluír de todo canto”
nin escoites aos que, incertos, che reclaman:
“Erixe algún altar e prende a pira dos honores
polos vellas liñaxes de deuses e seres divinos
que outrora foron quen de inspiraren as salmodias
e garda as túas roupaxes no máis íntimo do arcón
pois xa é inútil a procura dos melódicos lamentos”.

Se es hábil coa túa harpa e te achegas ao xardín
poderás entrever este voo na devacle da hortensia
e asistir en soidade ao meu triunfo,
ti, herdeiro das aves que foxen no outono,
capitán dos navíos que as altas tormentas afunden.

Non consumas a ebriedade que os antigos vincularon
coas merendas e os ágapes de Baco
e dispón a triste efixie que conservas por adentro
para os fúnebres ritos e as nupcias escuras
pois aínda poden acordar queixumes vagarosos
do tempo en que a tristeza estaba erguida.

E que agora sexa a dúbida sinal do noso imperio,
a néboa o baluarte de todo o que ocultamos,
a sombra a nosa cifra,
o corvo aquel brasón que en voos de cinza enleve
o incerto e o proclame
sen outro afán que o voo nin outra tentativa
que aquela de espallarme nas árbores frondosas.

Sexa o canto da ruína o teu único concepto.
Vive só para a tristeza de saberte derrubado
como as torres e os palacios
e non penses que es o único nin aquel que xa inaugura
un novo cómputo nin abre
o listado dos caídos, dos mortos derrubados.

Pois ti, pobre poeta,
maldito trobador que só viñeches
para anunciar a escuridade,
xa non tes outro camiño que o que leva
ao territorio inútil da tristeza
nin máis río que o que quere posuírte no decurso
como a un náufrago nocturno.

Advertisements