Crononimia

O espazo que nomeas, camiños, territorios,
aldeas e lugares, a longa procesión
de casas, arboredas, montañas e palacios,
reúne a cada pouco mil nomes e apelidos,
e todo son palabras formando unha extensión
de letras sobre os mapas, de grafos xunto aos ríos,
cidades e comarcas, países, continentes.

Mais nunca ninguén soubo disporse a nomear
o fluxo das idades.

Ninguén daría escrito no estraño dicionario
os meses cos seus días, os nomes das semanas,
o longo apelativo das noites e as mañás,
os títulos secretos das tardes e os menceres.

E quen diría acaso os nomes dos minutos,
das horas, dos segundos, as sílabas que mesmo
puidésemos cifrar contando a sucesión
infinda dos instantes.

O tempo non ten nomes.

O tempo vive alén das fendas da linguaxe.