Sétima epístola de ninguén

O tempo que se abre despois da primavera,
Nos días en que o signo do estío se esparexe,
É sempre unha silente mensaxe de fulgor,
O xeito en que a harmonía dos astros me convoca
A entrar nos arrecendos da sombra das maceiras.

Son ordes deliciosas, mandatos sen espiñas,
Rigores que no corpo encontran sempre un eco,
Pois van desde a distancia tanxendo vellas harpas,
Os campos procurando coa raiba dun arroio.

E as nubes que desprazan volumes de algodón
Manchados con inverno non saben que están pondo
Un trazo de distancia nos límites da tarde,
Non saben que me deixan atrás nestas fronteiras
Se vou seguindo un lume de soles en crepúsculo,
Camiños vomitados por ventos fuxidíos.

Por iso teñen formas de sono e de preguiza,
Figuras de deformes penínsulas ou illas,
Estraños continentes perdéndose entre a néboa.

Son corpos arrincados aos ríos coa calor,
Fantasmas erixidas da terra humedecida,
Fragancias trastornadas na terra cando seca.

As nubes cos seus brillos fuxindo para o sur,
As nubes debuxando efémeras paisaxes.

Advertisements