Preguizas 4

Hai moita soidade en todo o que fenece,
Un voo de desamparo fechando este retiro
E sombras de clausura, eclipses de prisión,
As nubes do olvido a prender a materia da tarde.

Así encontra a noite o asceta na súa illa,
Deitado sobre o astro brillante do abandono,
Erguendo no seu canto principios de tristeza,
Silentes compostos que estralan con sal polo ocaso.

Oh grato estar distante de todo o que perdura,
En pos dalgún remedio, en busca dunha enmenda,
Sen outro afastamento que a íntima orfandade,
As mans formando en barro figuras de silencio.

Advertisements