Preguizas 3

Deploro canto o inverno dispuxo no xardín
E clamo por un voo, inédito, flamante,
Das torres que constrúen as virxes primaveras.

Non é que me distancie do insólito das chuvias,
Que deite nunha pira de lume estremecido
As neves derretidas, os ventos xa pasados,
E adore a floración, o lustre, a louzanía,
A fresca mocidade de abril chegando a maio,

Mais pode que estes meses, xa murchos, deslucidos,
Non fosen máis que un brillo da tebra que me funda
E adorna os interiores dos pazos onde canto.

Por iso temo agora que veñan de regreso,
Que un día se presenten a dar conta de min,
Sombríos, nebulosos, opacos, taciturnos,
E queiran que os escolte, que os guíe sen camiño.

Outrora podería mandar sobre o seu rumbo,
Acaso ser o leme que orienta a travesía,
Mais hoxe estou varado, os mastros arrincados,
A nave esmacelada, as velas afundidas.

Advertisements