Interpretacións de Claude Lorrain 9

Deberon regresar entón aqueles barcos,
Os barcos que Lorrain gardaba sobre pel,
Os barcos que fixeran mil millas debuxando,
Deitando sobre os sucos das augas a moeda
Do sol como unha efixie de incendios e de ouro.

Máis el non os mirou, non soubo contemplalos
De pé sobre as torretas do vello invernadoiro,
Do templo en que se dera un día a cultivar
As rosas da mirada, dos anxos abatidos.

Estaba tan absorto, chovía algunhas tardes,
Que nunca procurou o mar sobre a distancia,
Xamais se lle ocorreu abrir unha xanela,
Abrir aquela néboa en busca dunha nave,
Seguindo a singradura no curso das gaivotas,
Pois tiña que chorar e os ollos se lle enchían
De chumbos e de ferros, de xofre e de salitre,
E as rosas non medraban, querían que esas bágoas
Servisen de alimento, nutrisen o seu voo,
Camiño dunha altura de pétalas abertas.

Por iso non ousou gritar que xa chegaran
Os barcos ou as rosas, os anxos e as miradas.

Advertisements