Dream 9

Dos soños que ficaron ciscados polo chan,
roídos polos vermes do outono e a tristeza,
hai varios que inda gritan felices de vivir,
despois de longo exilio, despois de agonizar,
e mostran sobre o corpo feridas cicatrices
a xeito de bandeiras, de erguidos estandartes.

Son teimas moi antigas, retábulos de outrora,
dispostos sobre a fronte, no centro da cabeza,
e deben de levar comigo tantos anos
que xa non sei se foron vividos ou soñados,
se un día aconteceron ou teñen, pola contra,
a onírica raíz dos soños verdadeiros.

Ti estás en todos eles levando unha equipaxe
de frautas e paraugas, de músicas escuras,
o mesmo que se foses casar cunha tristeza
e un voo de noites aves viñese procurar
de ti algunha améndoa en coche de cabalos.

E eu vexo como chegas dereita contra min,
dereita contra a foto que puxen sobre a pel
armada de extintores e líquidos e camas.

Non queres que me arda a noite cando miras.
Non queres a mirada, o pálpito do mar,
as rúas baixo a chuvia, o pánico das horas.

Advertisements

Advice

Aquelas vellas prazas que outrora camiñei,
seguindo un rumbo exacto na busca do pasado,
de imperios que caeron, cidades derrubadas,
e templos que acendían o cólico da fé,
deixáronme esta forma de andar contra a distancia,
un xeito de entregarlle silencio ou melodía,
verter acaso o mundo en forma de pregaria,
pousar en leito escuro o corpo de tan canso.

Tamén aqueles ríos que souben debuxar
deitando a longa alpaca do inverno na corrente;
as árbores de sombra que foron regalando
mazás como memoria, laranxas como olvido,
leváronme de présa seguindo algunha sombra
a aldeas consumidas ou vilas a crecer
na industria que dá froitos da flor do esquecemento.

Así foron os días que tiven que vivir,
as ansias que criei soñando contra o mundo,
as chagas que formaron as pedras das estradas,
roendo sen preguiza na planta dos meus pés.

É este o meu consello:
Non sigas este rumbo. Procura outra viaxe.
Aquí non se celebra máis festa que o solpor.

Que a sorte ou o destino che sexan máis propicios
e poidas aínda moza sentir como che rolda
a sona que mereces, o gozo de vivir.