E foi dentro de min

Nos tempos que a memoria verteu no esquecemento,
o mesmo que se verten as augas da bañeira,
os restos dun banquete, os vidros escachados,
había unha muller, un eco sobre o espello
que foi virando en sombra, caendo para adentro,
e tiña unha mirada de harpa, unha promesa,
o círculo perfecto dun vello anel de prata.

O nome está borrado, furtárono os enigmas,
alguén perdeu un día deixando que lle ardesen
nos labios os millóns de beixos que lle dera,
na boca o sopro azul do mar desde a distancia.

Non sei quen puido ser. E foi dentro de min.

Porei pola conciencia soldados que deteñan
calquera sombra ignota, calquera flor de olvido.

Ou é que os anos pasan e todo se derruba,
e mesmo este palacio que habito cando calo,
tamén este xardín sen vento nin soleira,
progresan para a sombra, camiñan para o escuro.

Advertisements